Acceso Banqueir#s

PRIMEIRO BANCO DE TEMPO E REDE DE TROCO DE LUGO


 

 
 

 

 

Normas de funcionamento do banco de tempo


de onde vimos

O Banco de Tempo de Lugo Iniciouse en 2008 cun grupo moi pequeno de persoas vinculadas á Cova da Terra que xa tiñamos interese no tema das moedas complementarias e os bancos de tempo. Logo foron uníndose máis persoas e estableceuse unha pequena normativa de funcionamento. Nese mesmo ano A Cova da Terra dedicou as súas Xornadas periódicas sobre Economía Alternativa ás Moedas Complementarias e participaron distintos bancos de tempo e redes de troco incipientes de Galicia. Todo isto tivo unha certa repercusión mediática nese momento na nosa cidade, e ata os xornais falaban de bancos de tempo. Comezouse a funcionar a través dunha páxina interactiva en internet, na que figuraba o que cada quen ofrece e pide, e que era xestionada directamente polas persoas cando facían algún intercambio. Os servizos que se ofrecían e pedían ao inicio eran similares aos actuais: clases como idiomas ou música; axudas puntuais para a casa, bricolaxe, horta, etc.; temas informáticos; masaxes; coidado de animais; aprendizaxe de artesanía... Desde o principio promocionáronse tamén os Mercadiños de Troco e Doazón, que se realizaron durante un tempo xunto co centro social Vagalume e despois tamén acudindo aos que se estaban empezando a facer por parte do 15M. Seguimos a organizalos en colaboración co Día do Comercio Xusto que organiza todos os anos A Cova da Terra en noutras ocasións puntuais. Tanto entón como agora unha persoa se encarga da xestión e dinamización, pero o dinamismo do grupo depende das persoas que o compoñen. A principal razón de ser dun banco de tempo e pedir todo aquelo que necesitemos, en vez de saír a pagalo ao mercado, pero aínda entre as persoas que forman parte do grupo pedir costa máis que dar. Por iso actualmente temos un grupo de correo que está sendo cada vez máis activo, fomentando os intercambios e as doazóns de todo aquelo que non necesitamos. Tamén se ofrecen obradoiros, nos que podemos participar en grupo dun aprendizaxe, do que resultan experiencias máis divertidas e enriquecedoras.
Voltar

quen somos

Somos un grupo de persoas que intercambian servizos sen intermediación da moeda de curso legal, co que resolvemos necesidades da nosa vida diaria sen que nos custe diñeiro. As unidades de intercambio e de valor son as horas e unha moeda virtual chamada xirins (1h = 10 xirins), independentemente do servizo que se ofreza ou que se reciba. Todas as habilidades teñen o mesmo valor.
Voltar

a onde imos

Pretendemos ir cara a unha sociedade onde non mande o diñeiro nin a posición social. Unha sociedade onde prime o apoio mutuo, a colaboración non lucrativa e a solidariedade. Ao fin, una sociedade que se autoxestione por si mesma, dun xeito non consumista e medio ambientalmente sostíbel.
Voltar

que se ofrece



Voltar

galería












Voltar

PRIMEIRO BANCO DE TEMPO E REDE DE TROCO DE LUGO, FUNCIONAMENTO INTERNO:

1.- O Banco de Tempo e Rede de Troco de Lugo créase por decisión dos seus membros e desfarase igualmente cando estes o decidan.

2.- As decisións tomaranse no seo do grupo, sempre que sexa posible por unanimidade.

3.- Calquera persoa pode pertencer ao Banco de Tempo respectando as decisións do grupo.

4.- Haberá unha persoa nomeada polo grupo como coordinador ou coordinadora, que deberá informar de todo o necesario ós membros do banco e xestionará o correo electrónico: bancotempolugo@yahoo.es e o facebook: http://www.facebook.com/home.php#!/profile.php?id=100001089016390 Calquera dúbida ou problema aclararase no seo do grupo. A figura de coordinadora poderá ir rotando entre os membros do banco. Esta persoa recibirá da bolsa de horas/xiríns do BdT unha compensación polo seu traballo de 2 horas (20 xiríns) por mes, que deberá xestionar ela mesma, e que se reflicte na web xunto co resto de intercambios para que sexa transparente para todo o grupo. Sempre que o banco necesite xiríns farase unha contribución igualitaria por parte de todos os membros do grupo.

5.- Os servizos dados e recibidos contabilízanse en horas e os produtos en xiríns, que é unha moeda ficticia coa única utilidade de permitir levar a conta do dado ou recibido, do mesmo xeito que se fai coas horas. A equivalencia, para permitir o troco entre produtos e servizos, será de 1hora = 10 xiríns.

6.- Trátase dunha rede de troco multirecíproco, o que implica que non é necesario facer un troco bidireccional entre as dúas persoas implicadas no mesmo. Si unha persoa só da e a outra só recibe, cada unha delas verá modificada en positivo e en negativo respectivamente a súa cantidade de horas ou xiríns.

7.- Cada vez que se realice un intercambio a persoa receptora terá que facer o pago na web construída ao efecto, indicando os xiríns pagados e o tipo de intercambio, quedando así rexistrado na web.

8.- Todas as persoas do grupo parten con 5 horas de tempo ou 50 xiríns, para poder empezar a solicitar os servizos ou produtos que necesiten, dos ofrecidos polo resto dos membros. De estes cédese 1 hora = 10 xiríns para a coordinación do banco. O número total de xiríns circulantes debe ser sempre o resultado de multiplicar 50 polo número de membros.

9.- No caso de desvincularse da rede será convinte deixar un saldo igual ou superior ao recibido inicialmente para non dar sensación de aproveitamento interesado.

10.- O límite mínimo de xiríns que se poden ter fíxase en -20 (-2 horas). Non se trata de animar a que se gaste sen máis, senón de facilitar os intercambios para as persoas que nun momento dado teñan pouco saldo. Desde a coordinación do BdT darase un aviso no momento en que unha persoa entre en saldo negativo e tratarase de axudar a que a persoa recupere o antes posible o seu saldo positivo.

11.- Existe a posibilidade de que unha persoa do grupo ceda horas/xiríns que non utilice a outra que as necesite.

12.- Premiarase a actividade d@s banqueir@as, cada tres meses, comezando a contar dende Outubro de 2016: dende esta data restaremos 1xirín da conta daquel@s banqueir@s que non teñan actividade neses tres meses; este xirín reverterá no Banco para costear gastos de xestión ou o que vaia xurdindo. O chegar a -20 xiríns deixarase de descontar por ser o tope mínimo establecido por acordo do grupo. Importante destacar que se trata de estimular o uso dos intercambios no banco de tempo, non de penalizar sen máis. Para isto será necesario insistir na información sobre o que se fai e animar ao intercambio de horas/xiríns, e a que o banco de tempo sexa un recurso de primeira man, que miremos de utilizalo antes dos euros, non como un recurso residual, para o cal temos que tentar entre todas e todos coñecer todas as ofertas que hai dentro do banco e aproveitalas.
Voltar


Para mais información envíanos un correo a bancotempolugo@yahoo.es

Blogue
Facebook

Ir arriba

Free Web Hosting